Wednesday 15 de May de 2024

A Deputación da Coruña elabora unha guía didáctica para dar a coñecer nos institutos o traballo da institución provincial


Participaron preto de 7.500 estudantes de toda a provincia de entre 14 e 16 anos

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, sorprendeu ao alumnado do instituto Eusebio da Guarda mentres celebraban unha simulación dun pleno provincial como peche ás actividades enmarcadas dentro da Semana Escolar da Provincia e a súa Deputación. Os e as estudantes de entre 14 e 16 anos aprendían en que consiste e para que serve unha Deputación cando Diego Calvo sumouse ao seu debate “plenario”.

O titular provincial participou como invitado na sesión, réplica perfecta dos plenos que teñen lugar na Deputación, e escoitou como os deputados debatían acerca de asuntos tales como o aumento do soldo, a conservación do patrimonio provincial ou as necesidades de cultura e educación na provincia. Ao remate da sesión, e tras o rogo dunha das profesoras que asistían ao pleno, Diego Calvo dirixiuse aos mozos para agradecerlles o seu esforzo por coñecer o traballo que se realiza desde a institución provincial e a todos os participantes no pleno invitoulles a asistir á sesión ordinaria do mes de decembro que terá lugar o día 19 de decembro.

A actividade celebrada esta mañá forma parte da Semana Escolar dedicada á Deputación da Coruña que están desenvolvendo a maioría de institutos da provincia grazas ao material didáctico proporcionado polo ente provincial aos alumnos e o profesorado. Preto de 7.500 estudantes da provincia xa teñen na súa casa o libro A historia provincial e o seu goberno, escrito por Xosé A. Perozo, pero ademais o profesorado dispón tamén dunha guía didáctica con exercicios e obxectivos para conseguir.

Así, cada centro (ata o de agora xa van 39 institutos que confirmaron a súa participación) pode decidir cómo aplicar estes exercicios. A maioría deles optaron por concentrar os materiais nunha semana, como no caso do Eusebio da Guarda, que hoxe remataba as súas actividades coa celebración dun pleno, pero podían tamén optar por ampliar as actividades a todo o curso lectivo.

No referido ás materias, normalmente son os profesores de xeografía ou historia os que se encargan de levar á práctica esta iniciativa, pero tamén as áreas de Ciencias Sociais se integran no programa da Deputación.

É o primeiro ano que a entidade provincial impulsa esta Semana Escolar coa que se pretende dar a coñecer á mocidade a historia da provincia, así como o goberno provincial.